A Universidade da Coruña e os Colexios Oficiais de Arquitectura Técnica de Galicia únense para intercambiar experiencias e persoal nos campos da docencia e a investigación
Publicada el 17/10/24


O reitor da UDC, Ricardo Cao, asinou cos presidentes dos Colexios Oficiais de Arquitectura Técnica de Lugo, Ourense, Pontevedra e Galicia cadanseu convenio de colaboración cunha duración de 4 anos.

A Coruña, 15 de outubro de 2024.- A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a sinatura de 4 convenios de colaboración entre a UDC e os Colexios Oficiais de Arquitectura Técnica de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra, mediante os cales as institucións se comprometen a fomentar o intercambio de experiencias e persoal nos campos da docencia, a investigación e a cultura.

No acto de sinatura estiveron presentes Ricardo Cao, reitor da UDC; Manuel Rañó Rodríguez, presidente do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Galicia (CGAT) e do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Pontevedra (COATPO); José Manuel Grandío Rodríguez, presidente do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Lugo (COATLU); e Darío López Fernández, presidente do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Ourense (COATOU).

Estes acordos, que se suman ao firmado hai meses co Colexio da Coruña (COATAC), terán unha vixencia de catro anos.

Tal e como recolle o convenio, a Universidade e os colexios oficiais establecen diferentes modalidades de colaboración, entre as que destaca a posibilidade de facilitar o intercambio por tempo limitado de profesionais, profesorado e persoal investigador; favorecer a participación en proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, bilaterais ou multilaterais ou cooperar en materia de formación.

 

Obxectivos e intereses comúns

O afianzamento da colaboración académica, científica e cultural entre a UDC e os Colexios Oficiais de Arquitectura Técnica de Galicia é considerada clave por parte de ambas as dúas institucións, que comparten obxectivos e intereses comúns nestes tres campos de actuación.

As dúas institucións, pola súa esencia, finalidade e obxectivos, están chamadas a establecer canles de comunicación que permitan o intercambio do coñecemento científico e cultural, unha cooperación coa que se busca contribuír á mellora económica e social do territorio.

Ficheros
  • No hay ficheros en esta noticia.
Relaciones
  • No hay relaciones en esta noticia.